Debuxa dende que ten memoria e axiña se topou coa acuarela, da que xa non se deu desprendido. Cando nena, víaa como un paso previo para dar o salto cara a outras técnicas e formatos, pero a forza de utilizala foi comprendendo o moito que a axudaba a reflectir todo o que vía e quería levar ao papel. Nunca tivo pretensións de ser artista ou pintora, gústalle definirse simplemente como debuxante.
Estudou arquitectura, e iso fomentou aínda máis a súa paixón polo espazo urbano, a perspectiva, construíla, deformala... En 2017 participou no proxecto Camiña/Camiño de El Patito Editorial, no que con outras tres ilustradoras fixo o Camino Portugués da costa co fin de elaborar unha exposición e un libro, o cal se converteu nun grande impulso para consolidar o desexo de seguir por este camiño. En 2019 publicou o conto infantil Allá en los mares, ademais de continuar traballando en talleres, exposicións, ilustración editorial e cadernos persoais.