Estudou Bioloxía en Santiago de Compostela debido á súa curiosidade e amor polos animais, e dedícase profesionalmente á ilustración científica e da natureza, unha rama que lle permite xuntar as súas dúas grandes paixóns: o debuxo e a observación dos seres vivos. A morriña vivida durante os 20 anos que estivo fóra de Galicia levouna a lustrar decenas de faros e lugares da súa terra como forma de reconexión coas súas orixes, sempre coas acuarelas e a tinta en man para recrear coa súa visión fresca e colorida todos eses recunchos. Para Clara a beleza está nas cousas do día a día, esas que descubrimos cando nos paramos un segundo para observar o que nos rodea. Colaborou en proxectos de investigación, impartido charlas en museos e realizado cursos de acuarela e ilustración científica na academia Illustraciencia (proxecto co que colabora habitualmente) entre outros. É autora de varios libros dedicados á divulgación e coidado da natureza, así como á ilustración científica, o último deles é Cuaderno de Campo, editado por GeoPlaneta en 2024.
